Dende os últimos nove anos, ano 2012, vemos continuamente como as actuacións do concello de Ourense en canto ao patrimonio arbóreo da cidade poden calificarse como “arboricido xeneralizado”. Os diferentes grupos políticos que tiveron responsabilidades de goberno, pouco fixeron nestes últimos nove anos na cidade de Ourense en relación a conservación do noso patrimonio natural e ambiental.

Moitos exemplares de cedros, chopos brancos, cipreses, plátanos comúns…foron cortados polo pé ou foron decapitados sen seguir os máis mínimos consellos existentes nos manuais básicos da arboricultura tanto moderna como antiga. As vítimas foron moitas coma as árbores da Praza da Magdalena, Praza de San Marcial, Praza Bispo Cesáreo, o arce ameazado da Praza dos Suaves, parques abandoados coma o do Couto e xardin do Posío, as ribeiras dos ríos Miño, Barbaña e Loña…

A administración local na cidade de Ourense é unha mostra de falla de sensibilidade, de falla de visión de futuro, de falla de políticas medio ambientais axeitadas, e de falla de respecto cara o patrimonio arbóreo.

Na actualidade estase a proceder a podas abusivas, severas e o demoucado das árbores en diferentes puntos da cidade. Non se poden tratar as árbores como se foran mobiliario urbano, tratalas como se fosen farois, tampouco se poden agochar no falso argumento do seu estado sanitario ou na seguridade. As árbores nas cidades, como ser vivo que son, precisan de coidados, de tratamentos axeitados, de seguimento anual do seu estado e necesidades, de curas de selo caso…

Lembrar que as cidades que teñen e promoven políticas medio ambientais e que fomentan a sustentabilidade dos seus recursos naturais co desenvolvemento económico, unha das súas primeiras actuacións consiste en catalogar o seu patrimonio arbóreo, facer un seguimento do estado de saúde das árbores, coidar e realizar tratamentos axeitados para curar as árbores que poidan estar enfermas, actuacións que se complementan con campañas de sensibilización e educación cara a poboación.

Amigos da Terra considera que as actuacións realizadas podían evitarse se no Concello de Ourense estivera creado o imprescindible Consello Municipal de Medio Ambiente que leva mais de nove anos agardando pola sua posta en funcionamento e a día de hoxe aínda non constituído. Lembramos que en setembro do ano pasado, aprobouse de forma unánime por todolos grupos políticos con representación no concello de Ourense a creación e posta en marcha do Consello Municipal de Medio Ambiente, pero que segue paralizado e sen ser convocado.

Neste Consello municipal de medio ambiente, como consello de participación pública, podían aportarse ideas, solucións, plans de actuación, inmediata catalogación do patrimonio arbóreo con que conta a cidade, necesidades de mantemento do patrimonio arbóreo, etc.

Dende Amigos da Terra vimos de presentar ante o rexistro do Concello de Ourense un escrito demandando a convocatoria da primeira reunión do Consello Municipal de Medio Ambiente.