Organizacións ecoloxistas celebramos onte a xornada ‘Un cambio de rumbo: a prevención de residuos en España’, nun momento decisivo no que se tramita a Lei de residuos e chans contaminados

Comunidades afectadas por vertedoiros e incineradoras, así como poboacións do Sur Global, denunciaron os impactos sobre a saúde e sobre os seus dereitos dunha xestión de residuos deficiente

Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Rezero, Retorna e Surfrider, membros de Alianza Residuo Cero, demandamos unhas políticas residuo cero que permitan afrontar a crise ecolóxica e climática actual.

A xornada ‘Un cambio de rumbo: a prevención de residuos en España’, celebrada onte por Alianza Residuo Cero, da que formamos parte, contou coa participación de diversos sectores da sociedade para recalcar que as políticas de residuos abarcan un amplo espectro social. Máis aló de tratarse dunha problemática medioambiental, as organizacións puxemos o foco na afectación á saúde, que supón impactos moi negativos en poboacións do Sur Global e que vulnera os dereitos das persoas consumidoras.

Nun momento decisivo no que a reforma da Lei de Residuos e Chans Contaminados se debate no Parlamento, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Rezero, Retorna e Surfrider sinalamos que as actuais políticas de residuos conlevan graves impactos tanto a nivel social como ambiental. Por este motivo é urxente e de vital importancia lexislar para avanzar cara a un modelo residuo cero.

Ao comezo da xornada, colectivos afectados por incineradoras e vertedoiros, como a Asociación de Afectados polo vertedoiro de Lles Canyades en Alacante e GuraSOS, de afectadas pola incineradora de Zubieta en Gipuzkoa, denunciaron que as súas queixas non só tratan de malos cheiros, senón que moitas persoas dos municipios veciños a estas infraestruturas presentan dores de cabeza, irritación ocular e na pel, así como problemas respiratorios. «Desde fai 12 anos vivimos encerrados nas nosas vivendas porque vulneran os nosos dereitos fundamentais. Todos os estudos encargados recomendáronnos abandonar as nosas casas», relatou Mª Nieves Rodríguez, afectada polo vertedoiro de Lles Canyades. Pola súa banda, Joseba Belaustegi de GuraSOS, puxo o acento na falla de vontade da xustiza de solucionar o problema. «Por que non se miden as dioxinas das incineradoras? Porque a hipótese de que a 800 graos desaparecen é mentira e non poderían seguir queimando», denunciou.

A perspectiva do Sur Global tamén se viu reforzada no encontro coa intervención de Mageswari Sangaralingam, de Amigos da Terra Malaisia, en torno aos impactos da exportación de residuos. A activista recordou que Malasia é un dos principais destinos dos plásticos inservibles exportados por España, e que se está incumprindo o Convenio de Basilea, con importantes prexuízos para o benestar da poboación malaisia. “Simplemente pedimos aos europeos e aos españois que vos ocupedes do voso propio lixo”, solicitou de xeito rotundo.

Non só as comunidades deixan moi claro o seu rexeitamento ás políticas de residuos, que consideran totalmente insuficientes para protexer á cidadanía. O doutor Nicolás Olea analizou os impactos das sustancias químicas engadidas na fabricación de plásticos e outros produtos de consumo na saúde humana. Demostrou que as persoas estamos expostas constantemente a sustancias químicas hormonalmente activas a través de envases de alimentos dun só uso, especialmente plástico. E vincula esta exposición a unha serie de enfermidades como o hipotiroidismo, diabetes, infertilidade, entre outras. «Non queremos tantas campañas de reciclaxe, o que non queremos é tanto plástico e máis reutilización«, concluíu Olea.

Fridays for Future e a organización de consumidores CECU, fixeron especial fincapé na necesidade de garantir os dereitos das consumidoras e de protexer ás xeracións futuras e ao planeta ante a urxencia climática que vivimos, destacando que a lei de residuos pode contribuír a este obxectivo, se se toman medidas ambiciosas.

Desde Alianza Residuo Cero demandamos aos responsables políticos que a Lei de Residuos, actualmente en fase de tramitación parlamentaria, e o futuro Real Decreto de Envases, respondan por fin a esta urxencia social e ambiental na que nos atopamos.

Adriana Espinosa, responsable de recursos naturais e residuos de Amigos da Terra, destacou: “É xa incuestionable que os residuos contribúen á actual crise ecosocial, que son unha ameaza para a protección dos dereitos, un problema de saúde pública e unha cuestión de xustiza social”. Ademais, apremou ao Goberno e ao Congreso dos Deputados a que actúen en consecuencia e promovan leis que poñan ás persoas e ao planeta no centro das políticas.

Carlos Arribas, responsable de residuos de Ecoloxistas en Acción, referiuse aos vertedoiros e incineradoras: «No Estado español abúsase dos tratamentos finalistas, que teñen nefastas consecuencias ambientais e sobre a saúde das persoas. É hora de investir as políticas de residuos e situar a prevención por fin na principal política de xestión de residuos».

Rosa García, directora xeral de Rezero, afirmou que a problemática dos residuos non é só un problema ambiental senón tamén de saúde: “Este modelo de produción e consumo nos enferma e hipoteca as xeracións futuras. Nunca fomos tan conscientes da necesidade de implantar medidas transformadoras e sabemos que a reciclaxe por si só non é a solución”. Por esa razón, García reclama un novo marco normativo baseado na redución e a reutilización.