• A falta de ambición e xustiza climática no acordo político alcanzado na COP26 afástanos do obxectivo do límite de 1.5 ºC que a ciencia recomenda e condena aínda máis aos países do Sur Global.
  • A presión dos países máis contaminantes impide avanzar na eliminación dos combustibles fósiles e continúa abrindo a porta ás falsas solucións.
  • A falta de acordos en términos de financiamento permite aos países máis contaminantes seguir evadindo as súas responsabilidades históricas e esquecer a xustiza climática.
  • O acordo en torno aos mercados de carbono (Artigo 6) provocará maiores emisións e é unha ameaza para os países que xa sofren os peores impactos climáticos.

Este sábado concluíu a que foi denominada como posiblemente “o Cume máis excluínte da historia”, a COP26. Tras un inicio protagonizado por grandes declaracións á marxe das negociacións, e consideradas por moitos como “promesas baleiras”, os continuos bloqueos dos países máis contaminantes durante as dúas semanas de negociacións, provocaron que a COP26 supoña un retroceso para a loita climática.

«A falta de ambición no acordo de Glasgow condúcenos a un aumento da temperatura global moi superior ao que a ciencia determina e ao que a sociedade civil de todo o mundo reclama. Estámonos quedando sen tempo para actuar” declarou desde Glasgow Cristina Alonso, nosa responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra.

Os países contaminantes seguen sen comprometerse co fin dos combustibles fósiles

Finalmente, a presión dos países e empresas máis contaminantes deixou a porta aberta aos combustibles fósiles.

“Se hai unha cousa que temos clara é que deixar os combustibles fósiles baixo terra é a mellor estratexia para evitar a catástrofe climática. Ata que os países contaminantes non se comprometan a acabar coas subvencións aos combustibles fósiles, non se cumprirá o obxectivo de limitar o aumento da temperatura global nin a un grao e medio nin a dous” dixo Alonso.

A falta de financiamento imposibilita todos os demais obxectivos climáticos

Pese a que en repetidas ocasións os países máis afectados polos impactos da crise climática reclamaron que sen financiamento resulta imposible cumprir os obxectivos climáticos, así como transitar cara a un modelo xusto e renovable, o acordo de Glasgow finaliza practicamente sen avances.

“Cume tras cume o obxectivo de aportar 100.000 millóns de dólares anuais de financiamento climática non se cumpre. Os países con maior responsabilidade na crise climática seguen sen aportar o financiamento necesario escondéndose en propostas de financiamento privadas ou indefinidas” criticou Cristina Alonso ao que engadiu. “O Cume de Glasgow, tampouco foi capaz de avanzar no financiamento do mecanismo de perdas e danos para os países máis afectados pola urxencia climática. A falta de compromisos no financiamento necesario supón a imposibilidade de cumprir con calquera outro obxectivo climático e rompe de cheo co principio de Xustiza Climática”.

O acordo de Glasgow sobre mercados de carbono conduciranos a un maior quecemento global

O acordo en torno aos mercados de carbono permite aumentar as emisións e abre a porta a novos mecanismos comerciais o que supón unha ameaza para os países e comunidades que xa están vivindo os peores impactos da crise climática.

Amigos da Terra fixo un chamamento aos países máis contaminantes para pedir que se centren en reducir as emisións absolutas no canto de seguir comerciando con elas.

Proliferan as falsas solucións

Para Amigos da Terra uno dos feitos máis preocupantes é a inclusión de cada vez máis falsas solucións e o establecemento de obxectivos baseados na compensación de emisións (cero neto) e non na súa redución. “Os países máis contaminantes estanse aferrando ás falsas solucións como os mercados de carbono ou as Solucións Baseadas na Natureza (SBN) para evitar a única acción posible que é deixar os combustibles fósiles baixo terra” apuntou a responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra.

Agora España debe actuar e escoitar á cidadanía

“Co fin do Cume de Glasgow, non acaba todo. Seguiremos pendentes de que os países desenvolvidos como España, que teñen unha responsabilidade histórica fronte á urxencia climática, sexan os máis ambiciosos nos seus compromisos. O Goberno de España debe comprometerse cunha redución de emisións xusta e un financiamento suficiente para asegurar que os países do Sur Global poden realizar unha transición xusta e feminista” asegurou desde Amigos da Terra Cristina Alonso ao que engadiu. “A cidadanía xa mostrou a súa forza nas rúas, agora os líderes políticos deben responder”.

 

Fotografías da marcha e ou Cume do clima