Nos tres anos transcorridos desde a presentación pública da plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, o 1 de decembro de 2018, o carbón pasou de ser unha das principais fontes de electricidade da nosa terra a ter un papel marxinal e os días contados.

Trátase dun avance moi importante no necesario e urxente abandono dos combustíbeis fósiles, que seguen a supor a maior parte do consumo de enerxía en Galicia, tanto primaria como final (1).

A práctica desaparición do carbón do “mix enerxético” galego, que será definitiva en 2022, provocou un recorte sen precedentes das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes da crise climática.

Caída do carbón, caída das emisións de GEI

Entre 2018 e 2019 (ano con datos oficiais máis recentes), as emisións totais de Galicia baixaron de 29,7 a 22,4 millóns de toneladas. Foi un descenso de 7,3 millóns atribuíbel á redución das emisións de CO2 (o principal GEI) das centrais de carbón, que caeron de 10,1 millóns en 2018 a 2,5 en 2019.

Nos últimos tres anos verificouse o que sinalabamos no noso manifesto fundacional (2): “Non hai ningunha outra medida singular que hoxe permita diminuír, de xeito tan rápido e importante, as emisións de gases de efecto invernadoiro na nosa terra”.

Grazas ao colapso do carbón na produción eléctrica as emisións de GEI de Galicia reducíronse un 24% entre 1990 e 2019 (3).  Na presente década, crucial para evitar unha catástrofe climática global, deberían diminuír polo menos até un 65%. Un obxectivo moi superior ao das políticas enerxéticas e climáticas galega e española, que non están en liña co Acordo de París.

Para atinxir unha redución de cando menos o 65% das emisións de GEI antes de 2030, cómpre  unha forte diminución no consumo de petróleo e gas fósil, que está está a substituír parcialmente o carbón na xeración eléctrica no noso país. Isto reflítese no importante aumento da actividade das centrais de ciclo combinado de gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy) e da regasificadora de Mugardos (Reganosa) que as abastece.

De fonte principal de electricidade a marxinal

En só tres anos, o carbón pasou de achegar un 30-40% da produción eléctrica galega a tan só o 1,5% no que levamos de 2021 (4).

 

A recente reactivación dun dos catro grupos de produción da central de carbón das Pontes non supón unha marcha atrás na decisión de Endesa de pechala en 2022 e ademais subministrará unha cantidade moi limitada de electricidade. Proba diso é que dispón dunhas 150.000 toneladas de carbón, unha cifra moi inferior aos cinco millóns queimadas en Galicia só en 2018.

O seguinte paso: abandonar o gas fósil

Lamentabelmente, o peche das centrais de carbón de Meirama en 2021 e das Pontes en 2022 non foi froito da vontade dos gobernos español e galego  senón de decisións empresariais anunciadas con pouca antelación e determinadas pola falta de rendibilidade destas centrais,  en parte debido a políticas de ámbito europeo (reforma do mercado de emisións, nova directiva de emisións industriais,…).

A falta de anticipación e valentía das institucións acabou por dificultar a planificación axeitada dun proceso de transición xusta para as persoas traballadores e os territorios afectados.

Unha lección a aprender de cara ao futuro en relación coas grandes industrias de transformación de enerxía fósil que aínda restan en Galicia, entre elas as dúas centrais de ciclo combinado de gas fósil, que deberían cesar a súa actividade en 2030, a máis tardar. 

 

Notas

1. Os combustíbeis fósiles aínda representan o  78,6% do consumo de enerxía primaria (recursos enerxéticos) e o 62,5% do consumo de enerxía final (combustíbeis, calor, electricidade). Datos máis recentes, para 2019, procedentes do Balance enerxético do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

2. https://unfuturosencarbon.org/manifesto/.

3.Unha redución provocada pola queda da produción das centrais de carbón, cuxa continuidade indefinida defendeu a Xunta, a pesar do cal non dubida en presumir reiteradamente desta diminución das emisións de GEI, como fixo por exemplo o seu presidente nas recentes xornadas “El reto de la transición energética en las empresas de Galicia (26 de novembro)” e en ocasións anteriores (https://unfuturosencarbon.org/a-desvergona-climatica-de-feijoo/).

4. Entre xaneiro e agosto, datos provisionais dispoñíbeis polo de agora.