Dende Amigos da Terra rexeitamos esta construción e denunciamos que a cidade de Vigo segue desbotando unha cantidade de auga equivalente a catro veces o novo encoro de abastecemento proxectado.

O Concello de Vigo presentou as conclusións o informe sobre alternativas para garantir o abastecemento de auga da cidade, aínda que polas distintas declaracións escoitadas cústanos interpretar se o estudo limítase a analizar as opcións, sen recomendar ningunha, que esa sería decisión política ou ben recomenda as tres: os dous transvases Verdugo – Oitavén e Miño e un novo encoro en Forzáns, Ponte Caldelas. Este novo encoro tería unha capacidade de 7´4 hectómetros cúbicos (sería o triplo que Zamáns e un terzo de Eiras, os dous encoros que actualmente abastecen á cidade).

O problema fundamental é que o río Oitavén e os seus afluentes principais (ríos Xesta e Barragán) non teñen un excedente de auga suficiente e menos en caso de seca para abastecer ese encoro sen poñer en serio risco os seus ecosistemas acuáticos e terrestres asociados, a súa biodiversidade e o seu caudal ecolóxico xa moi castigado dende fai trinta anos pola presa de Eiras.

O impacto chegaría ata a ría, ameazando o delicado equilibrio que depende da achega de auga doce para equilibrar a salinidade especialmente no verán. Non é aventurado imaxinar que os concellos da cunca do Oitavén (A Lama, Fornelos, Ponte Caldelas e Soutomaior) que xa se manifestaron no seu día en contra do transvasamento rexeitarán o proxecto dun novo encoro, como xa estamos a facer os colectivos ecoloxistas.

Isto lévanos a unha pregunta pertinente: como garantir entón o abastecemento de auga a Vigo? As alternativas expostas coinciden nunha característica común: ser medidas de principio de tubaxe para almacenar máis auga. O problema é que esquecemos o que sucede a continuación.

Unha cantidade equivalente á que podería almacenar o novo encoro de Forzáns pérdese nas redes de distribución que roldan entre un 20 e 30% de perdidas segundo diversos estudos. Dito doutra forma: reparando e renovando toda a rede – na que aínda existen tubaxes do tóxico fibrocemento – sería innecesaria esa presa se o diñeiro que actualmente se inviste por parte da concesionaria do servizo de augas en humanizacións e ornamentos urbanos (o Dinoseto, por exemplo) destinásese totalmente a esa prioridade.

Outra cantidade equivalente pérdese en baldeos innecesarios nas rúas (medio millón de litros diarios en baldeos mesmo baixo a choiva), sistemas de rego ineficientes e a pleno sol nas horas centrais do día, fontes e fervenzas ornamentais, proxectos de megaparque acuático como o proxectado en Samil e mesmo en pretender crear todo un río artificial na praza da Miñoca.

Tamén perdemos unha cantidade de auga equivalente ao novo encoro cun sistema de tarifas que a pesar de modificarse por imperativo legal continúa, cun aumento de taxas fixas dun 256% incentivando o malgasto.

Outro equivalente a ese novo encoro está actualmente sepultado no fondo de Eiras e Zamáns que tras trinta anos sen dragar os áridos e lodos sedimentados pola erosión (aquí os incendios xogaron un papel determinante) perderon aproximadamente un 25% da súa capacidade de almacenamento que sería recuperable cun simple dragado. Ademais de economicamente inxustificable e ecoloxicamente irresponsable é inmoral pretender engadir un novo atentado ao castigado río Oitavén para que poidamos seguir desbotando o equivalente a catro veces ese encoro.

Supoñemos que esta reflexión, coincidente co capítulo 6 dos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas sobre sustentabilidade e uso eficiente da auga entenderase por parte do concello como “os antivigo queren deixar sen auga á cidade” En realidade atopámonos ante un problema conceptual: pretendemos mitigar a emerxencia climática (a seca é unha das súas manifestacións) coma se non fóra a alterar as nosas vidas, buscando solucións para seguir vivindo igual e facendo o mesmo.

O problema é que biofísicamente é imposible, e canto máis tempo sigamos perseguindo ese espellismo máis tardaremos en asumir que temos que cambiar, decrecer, consumir menos auga e conservar como unha prioridade vital os ecosistemas que nos salvarán das consecuencias catastróficas da emerxencia climática que empezan a chamar á porta.