Nun mundo onde a gandería industrial ábrese paso como unha apisoadora e transforma a gandería nunha fábrica de carne, existen proxectos que resisten e buscan darlle a volta ao modelo de consumo cunha aposta decidida pola gandería extensiva, unha gandería sostible e xusta coas persoas.

Laura é unha destas gandeiras que, xunto a outras 127 persoas agrupadas en Asoporcel, loita pola preservación do porco celta. Cóntanos que o seu primeiro contacto con esta raza foi de casualidade “empecei por un porco que daban en adopción pensando que era un minipig, e resultou ser un porco celta”.

A asociación nace en 1999 e é a única recoñecida oficialmente pola Xunta de Galicia para a xestión do porco celta. A súa función é a de preservar e promocionar a raza, pero, ademais, promoven o coidado dos ecosistemas, os recursos naturais e coidan da poboación, protexendo a súa saúde e mantendo un mundo rural vivo. Con todo, malia prestar todos estes beneficios, as iniciativas deste tipo atópanse con varios obstáculos “en primeiro lugar a burocracia, non che facilitan comezar un proxecto no rural, e unha vez que o comezas tes moitos atrancos para poder crecer. Ademais dun ano ata agora, aumentan todos os custos de produción, e déixannos sen ningunha marxe” coméntanos Laura.

Desde fai uns meses, o debate sobre os dous modelos de gandería, extensiva e intensiva, vai gañando protagonismo, para Laura o problema radica en que “a maior parte da xente non coñece a diferenza entre os tipos de ganderías. Non se pode tratar por igual unha granxa de 5 porcos e 25 leitóns, que é o que podemos ter algúns, coas granxas de 1.500 nais. O noso é un sistema de vida, non un negocio. Non pode ter a mesma consideración que as macrogranxas, que son unhas fábricas.”

Con todo, tralo sufrido coa pandemia desde marzo de 2020 “estase valorando máis o traballo dos pequenos agricultores, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Lamentablemente queda moita xente que só mira o prezo” apunta Laura.

Aínda por riba, e malia as limitacións da PAC (Política Agraria Común), algunhas medidas que podían favorecer ás actividades agrícolas e gandeiras a pequena escala, estanse vendo freadas co inicio da invasión rusa a Ucraína e o medo ao desabastecemento. Laura considera que estas políticas “terían que mirar máis polos proxectos locais e a pequena escala, axudando máis a estes antes que aos grandes terratenentes”.

Sen dúbida, a gandería extensiva e a gandería ecolóxica son os modelos cara a onde ten que dirixirse o sistema alimentario. Asociacións como Asoporcel axudan a camiñar neste sentido. Con todo, as axudas desde as administracións se antollan necesarias para que estes proxectos continúen co seu importante labor “deberían de mirar para que os produtores tivesen uns prezos xustos, porque levan 30 anos estancados”.

Son este tipo de proxectos, as persoas como Laura, as que impulsan un modelo respectuoso co medio ambiente e xusto coas persoas, pero necesitan dun maior apoio por parte da cidadanía e conseguir que estes modelos sostibles se impoñan ás macrogranxas.