A Comisión Europea publica o Plan REPowerEU no que establece as súas prioridades para avanzar na transición enerxética

  • A Coalición pola Enerxía Comunitaria en Europa presenta un manifesto coas súas recomendacións para o Plan REPowerEU
  • Demandamos que se establezan obxectivos vinculantes en términos de comunidades enerxéticas e produción de enerxía renovable no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC)

Hoxe a Comisión Europea fixo público o Plan RepowerUE, no que establece as súas directrices para avanzar na consecución dunha enerxía máis segura e sostible para a Unión Europea. A Coalición Europea pola Enerxía Comunitaria, da que formamos parte Amigos da Terra, celebramos parte das medidas impulsadas, aínda que denunciamos que o documento segue dando un papel central ao gas na transición enerxética, tal e como detalla no seu manifesto.

Tralo estalido da guerra en Ucraína, a UE avanzou cun plan de acción conxunto para lograr unha enerxía máis accesible, segura e sostible, o denominado REPowerEU. O plan pretende que Europa sexa independente do gas ruso antes de 2030, acelerando a transición enerxética e aumentando a ambición do paquete Fit-for-55.

Malia a urxencia de camiñar cara a un futuro libre de combustibles fósiles que faga fronte á urxencia climática e que ademais garanta a independencia enerxética do exterior, o documento non está á altura das circunstancias. As crises xeradas polo conflito bélico e a pandemia agravaron os problemas sociais da poboación máis vulnerable da UE. A pobreza enerxética estase estendendo e cada vez afecta a máis persoas sen que se prioricen as medidas necesarias para atender á poboación.

A Coalición Europea pola Enerxía Comunitaria (European Community Power Coalition) incidimos na necesidade de integrar un enfoque social que realmente atalle a pobreza enerxética, e denuncia, á súa vez, a falta de referencia á participación cidadá e ás comunidades enerxéticas nas medidas propostas, ademais critica a decisión de seguir apostando por infraestruturas gasísticas. Así reclamamos a plena aplicación das disposicións do Paquete de Enerxía Limpa (PEC) para as comunidades enerxéticas, así como o establecemento de obxectivos estatais vinculantes en términos de comunidades enerxéticas e produción de enerxía renovable no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC). Demandas que Amigos da Terra trasladamos ao Goberno.

É de vital importancia que o Plan REPowerEU e as lexislacións estatais contemplen o papel crucial da cidadanía na transformación do sistema enerxético. Isto contribuirá a unha transición máis rápida e xusta cara a un sistema eficiente e renovable, e afastarase dos combustibles fósiles. Neste contexto de crise, o aumento da xeración de enerxía local e comunitaria reducirá a dependencia de Europa polos combustibles fósiles, e será clave para loitar contra o cambio climático dunha forma xusta, sostible e inclusiva.

O plan da CE contempla medidas relacionadas co aforro e a eficiencia enerxética e o despregue das enerxías renovables, así como a electrificación da calefacción e a refrixeración a través de bombas de calor; medidas que a Coalición valoramos de forma positiva. Con todo, criticamos que a diversificación da subministración de gas con gas natural licuado, incluído o procedente de Estados Unidos, non pode considerarse unha solución sostible. A simple substitución dos combustibles fósiles por máis combustibles fósiles recaerá nos erros do pasado. As mencións ao hidróxeno encerran unha falsa solución, neste sentido o hidróxeno non pode ser unha cortina de fume para seguir utilizando os combustibles fósiles. De utilizarse debe ser 100% renovable e utilizarse só nos sectores difíciles de electrificar, non nos fogares.

O cambio de provedor de gas non resolve o problema real xa que só significa prolongar a dependencia dos combustibles fósiles. Temos que avanzar cara á eficiencia enerxética para reducir o consumo e as enerxías renovables, á vez que se capacita á cidadanía e ás comunidades para que participen na transición enerxética.