Galiza manifestarase o vindeiro 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, baixo o lema “Temos Alternativa!”, por un modelo enerxético xusto e sustentábel e por unha enerxía por e para o pobo. A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza fixo un chamado hoxe, en rolda de prensa, a toda a sociedade galega para que participe na gran mobilización social que terá lugar o vindeiro 5 de xuño en Santiago de Compostela, e que partirá ás 12 horas desde a Alameda e rematará na Praza do Obradoiro onde se dará lectura o manifesto.

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, as entidades convocantes desta gran mobilización de ámbito galego queren chamar a atención sobre a necesidade de rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía para acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel, en contraposición co actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español. Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade.

Un ano despois de que a coordinadora Eólica Así Non conseguise congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica, seguimos teimando na necesidade urxente de adoptar estas medidas, pero ademais apelamos a un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social. Un cambio de rumbo cara un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións.

Os 9 principios dun modelo enerxético xusto e sustentábel

O manifesto titulado “Temos Alternativa!” asinado por máis de 200 entidades de todo o país enumera 9 principios nos que se debería fundamentar o novo modelo enerxético para ser xusto e sustentábel, e para dar servizo por e para o pobo, e que se resumen a continuación.

Principio 1: A alternativa enerxética que se promove por parte deste gran movemento social sitúa a protección da Natureza e da biodiversidade como piar básico da transición ecolóxica e por diante da implantación caótica de enerxías renovábeis, como principal forma de resiliencia fronte o cambio climático, tanto en terra como en mar.

Principio 2: Debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental, polo que necesariamente ha de contemplar a ampliación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura, así como a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos de especies migradoras, as cales deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel, máxime cando non existe unha planificación racional e ordenada destes aproveitamentos industriais no territorio.

Principio 3: Un modelo enerxético xusto e sustentábel tamén debe coidar e valorar o patrimonio cultural que nos outorga identidade, tanto material como inmaterial. A actual invasión eólica supón a ameaza de cando menos o 30% do noso patrimonio material.

Principio 4: Esta transición non pode condicionar o futuro de actividades tradicionais e estratéxicas do país ligadas ao sector agroalimentario e pesqueiro que proporcionan alimentos básicos para a poboación. Un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria.

Principio 5: Apostamos por un modelo que prime o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética, e instamos ás institucións públicas a cumprir co principio comunitario “eficiencia enerxética, primeiro”. Reducir a demanda enerxética e favorecer a eficiencia son, per se, unha fonte de enerxía e a mellor forma de acadar a soberanía enerxética e abaratar o prezo da luz, que en 2022 bateu o seu récord en 700€MWh.

Principio 6: Eólica Así Non aposta por un modelo enerxético no que Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos, de cara a acadar a autosuficiencia enerxética e a construír un modelo de xeración distribuída e de autoconsumo, no que o pobo e a administración pública teñan dereito a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica.

Principio 7: Mais para conquirir os anteriores obxectivos, debemos deseñar unha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país que garanta un proceso de transición ecolóxica ordenado, racional e equilibrado, e participado pola sociedade.

Principio 8: apélase á derrogación das “leis de depredación” e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos, que a propia Xustiza recoñeceu como ilegais en recentes sentenzas.

Principio 9: Por último, apelamos ao principio de precaución para preservación da saúde pública no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación, así como a favorecer estudos serios e rigorosos sobre o impacto na saúde destas infraestruturas.

Adhire o teu colectivo ao manifesto “Temos Alternativa”!

A marcha do Día do Medio Ambiente en Santiago de Compostela está convocada por todas as entidades e organizacións que ao longo de 2021 se sumaron á Coordinadora Eólica Así Non, superando a día de hoxe as 180 entidades. Desta volta, únense tamén ás entidades convocantes da mobilización do 5 de xuño a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, xurdida do manifesto de Burela e da loita do sector do mar fronte a eólica mariña, e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que reúne a meirande parte das comunidades de montes veciñais afectadas pola actual implantación da enerxía eólica.

O manifesto “Temos Alternativa!” permanecerá aberto ata o venres 3 de xuño a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien o modelo enerxético proposto por Eólica Así Non e a manifestación do vindeiro día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: bit.ly/adhesions5X

Manifesto: bit.ly/manifesto5X

Cartaz: bit.ly/cartaz5X

#temosalternativa
#enerxiaxustaesustentabel
#enerxiaporeparaopobo
#eolicaasinon
#diamedioambiente