Desde Amigos da Terra organizamos seis cursos profesionais de compostaxe en Galicia e Madrid para avanzar na transición ecosocial

Nesta segunda edición, a organización ecoloxista aposta pola creación de emprego para as persoas máis vulnerables con dificultades para acceder ao mercado laboral

Organizamos por segundo ano consecutivo seis cursos básicos de mestría en compostaxe, co fin de aportar aptitudes e coñecementos a poboación en situación de desemprego e dar resposta á problemática ambiental de residuos.

Os cursos gratuítos comezan o próximo 15 de xuño en Galicia e o 20 de xuño en Madrid. Os mesmos enmárcanse no proxecto Mestría en compostaxe cofinanciados polo Fondo Social Europeo a través do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Este programa de mestría en compostaxe, que creará postos de emprego en diferentes municipios de Galicia e a Comunidade de Madrid, supón por unha banda unha alternativa real de emprego para persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais e/ou áreas protexidas, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos. E por outro ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de xeito separado a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.

Con este proxecto estamos apostando pola creación dun tipo de emprego que favorece unha transición ecolóxica á vez que aporta respostas aos colectivos máis vulnerabilizados da sociedade, persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral. Este é o enfoque ecosocial que se debe priorizar nas políticas municipais.

Desde a organización levamos anos promovendo a compostaxe como unha das ferramentas máis importantes para camiñar cara ao residuo cero, reducir a cantidade de residuos orgánicos e contribuír á loita contra a urxencia climática. Agora coa recentemente aprobada Lei de Residuos e Solos contaminados para unha Economía Circular, que obriga a todos os municipios a recoller a súa materia orgánica separada e a tratala priorizando a compostaxe, contamos co contexto perfecto para poñer en marcha esta formación.

Por este motivo o emprego neste sector incrementarase de xeito exponencial nos próximos anos debido, por unha banda, á obrigación de cumprir coa normativa en materia de residuos e, por outro, a que é un área na que está case todo por facer. Con este proxecto búscase dar resposta a esta problemática ambiental e asegurar que a xestión de residuos se faga en condicións adecuadas. No contexto actual de crise ecolóxica e social, no que é crucial avanzar cara a unha transición ecolóxica en todos os sectores, a compostaxe é un aliado perfecto.

Este proxecto foi aprobado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Trátase de accións gratuítas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) para conseguir formación e un emprego de calidade.

Se queres participar nos cursos organizados en Galicia , podes consultar máis información aquí >>>