As eurodiputadas e eurodiputados das comisións de Medio Ambiente e Asuntos Económicos rexeitaron a clasificación do gas fósil e a enerxía nuclear como ambientalmente sustentables na taxonomía da UE, a guía de investimentos “verdes” da UE.

As eurodiputadas deron un primeiro paso crucial ao votar en contra dunha lista que outorgaría a etiqueta “verde” ao gas e á enerxía nuclear a pesar dos seus nefastos impactos ambientais.

“Aplaudimos ás persoas eurodiputadas das comisións (ECON e ENVI) por elixir o camiño correcto para protexer a credibilidade da taxonomía da UE! Os combustibles fósiles e os residuos nucleares non teñen nada de sustentables e moitos investidores e bancos non queren que se lles etiquete como “verdes”. Agora o Pleno debe seguir a estas comisións e rexeitar o que sería un enorme e custoso erro climático: canalizar miles de millóns cara a proxectos sucios, en lugar de financiar a transición enerxética renovable que necesitamos”, apuntan Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF.

Etiquetar o gas fósil e a enerxía nuclear como verdes na taxonomía da UE podería restar miles de millóns de euros de investimento ás enerxías renovables. Coa guerra en Ucraína e a crise de prezos da enerxía que está a provocar, etiquetar o gas e a enerxía nuclear como sustentables sería aínda máis contraproducente. O gas converteuse nunha fonte de inseguridade enerxética e de risco xeopolítico en Europa, e a enerxía nuclear é cara, lenta de construír e crea residuos altamente radioactivos que aínda non sabemos como manexar.

“A guerra de Ucraína demostra que a UE non pode ser plenamente independente mentres non controle a súa propia enerxía. Mentres que o gas importado crea dependencia, as renovables son a nosa enerxía autóctona e a clave da nosa independencia. Etiquetar o gas como un investimento sustentable levaría a Europa a usar aínda máis gas, o que suporía menos seguridade enerxética e facturas máis altas para a cidadanía”, insisten Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF.

A votación final está prevista para o pleno do Parlamento Europeo na primeira semana de xullo. Así, conclúen as ONG: “É crucial que o plenario do Parlamento Europeo volva vetar o acto delegado da taxonomía que cualifica o gas e a nuclear como sustentables. De non ser así, converteríase en lei o lavado verde da enerxía nuclear e o gas”.