Denunciamos a violencia exercida contra centenares de persoas nos valos de Melilla. Miles de persoas manifestábanse onte esixindo xustiza e unha investigación independente aclaratoria das circunstancias. Amigas da Terra súmase á indignación cidadá e esixe ao Goberno que se depuren responsabilidades.

O pasado 24 de xuño decenas de persoas foron asasinadas e centenares resultaron feridas, mentres tentaban saltar o valo de Melilla fuxindo de situacións conflitivas nos seus países de orixe. Desde Amigas da Terra lamentamos profundamente o masacre e condenamos os feitos violentos, que foron xustificados polo Goberno español. Tamén queremos transmitir as nosas máis profundas condolencias ás familias das persoas falecidas.

Violación de dereitos humanos salvaxe e inxustificable

Mostramos a nosa dor e rexeitamento a este tipo de actuacións militarizadas que atentan contra a vida de seres humanos e pretenden establecer categorías entre persoas. Sumámonos ás peticións de diferentes colectivos que reclaman abrir unha investigación sobre esta violación de dereitos humanos que sirva para depurar responsabilidades, e que sexa un primeiro paso para que estes comportamentos execrables non volvan repetirse.

Lonxe de condenar a situación, o Goberno felicitou á policía española e marroquí, e o presidente Sánchez cualificou de “magnífica coordinación” e de situación “ben resolta” a actuación das forzas policiais a ambos lados da fronteira. Vídeos e imaxes difundidas mostran unha violencia extrema por parte da policía marroquí contra centenares de mozos mesmo xa malferidos, e a agonía de horas que padeceron, o que puido aumentar o número de mortes. As imaxes tamén mostran devolucións en quente desde o lado español da fronteira.

Desde Amigas da Terra lembramos que as causas das migracións veñen dadas por un modelo económico cortoplacista que pon os beneficios económicos por riba da vida das persoas. A armazón xeopolítica non responde máis que a estes obxectivos de manter un statu quo, o que incrementa a brecha social e económica entre o Norte e o Sur Global.

Lonxe de ser un problema de mafias, como o executivo español insiste en defender, compre sinalar que existe unha relación directa entre as migracións e a explotación de recursos naturais, agrícolas e minerais. A maioría das persoas que pasan por Melilla proveñen de Sudán e outros países do Sahel, zonas azoutadas pola guerra e polos efectos do cambio climático.

A xustiza social e a xustiza ambiental son indisolubles

Desde Amigas da Terra consideramos que garantir a protección dos dereitos humanos é a máxima que debe guiar calquera política. Non podemos mirar cara a outro lado cando miles de persoas perden a vida tratando de fuxir dos seus países por guerras, crises climáticas, fame, e esgotamento de recursos. Todo isto está ocasionado por un modelo de produción e consumo que lexitima e ampara a violación de dereitos humanos.

As políticas migratorias, de acollida e integración tanto a nivel estatal como europeo han de rexerse por criterios de igualdade e non discriminación. É de obrigado cumprimento garantir a protección dos dereitos humanos e que o Norte Global asuma responsabilidades ante a débeda social, climática e ecolóxica xerada aos pobos do Sur Global.

Amigas da Terra súmase ás demandas de organizacións amigas que reclaman rutas seguras para a migración, e demanda que se aprobe a Iniciativa Lexislativa Popular #RegularizaciónYa, que poña fin á situación irregular de medio millón de persoas no Estado español. Podes achegarte ás nosas oficinas de Ourense e Vigo para sumar a túa sinatura.