• Amigos da Terra presenta o Informe “A urxencia dunha transición agroecolóxica en España” onde demostra que é posible a independencia alimentaria e enerxética do sistema alimentario, cunha produción agroecolóxica e un cambio de dieta.
  • Na actualidade, para alimentar á poboación utilízanse, ademais das terras de cultivo da xeografía española, 9,2 millóns de hectáreas de terceiros países. Cos cambios propostos pola organización ecoloxista utilizariamos menos de 1 millón de hectáreas do exterior.
  • Para a subministración interna de alimentos necesítase o equivalente a 118 millóns de barrís de petróleo, o que é igual ao 25% do total barrís que se consumen en España.
  • Co escenario agroecolóxico lograríase unha redución do 84% no uso de combustibles fósiles no sistema alimentario e deixaríase de emitir 124 Mt CO2e, o triplo do que emiten todos os coches que hai en España nun ano.

Amigos da Terra presenta o Informe “A urxencia dunha transición agroecolóxica en España” onde se evidencia a gran dependencia do exterior do sistema alimentario. A escaseza e a subida de prezos dos alimentos, a luz e a gasolina puxeron en cuestión o sistema agroalimentario. A importación de todos estes recursos para a produción e consumo de alimentos agrava a situación de vulnerabilidade da poboación, especialmente tralo inicio do conflito bélico en Ucraína.

Esta dependencia pode reverter, e así o demostra a investigación da organización ecoloxista. Na mesma compáranse cinco estratexias agroalimentarias onde se contempla un cambio de produción e de dieta e analízase a extensión de terra que se utilizaría con cada modelo, a cantidade de alimentos que se importarían, así como as enerxías non renovables que se empregarían en toda a cadea alimentaria, e a súa contribución á crise climática. Os resultados arroxan que unha transición cara a unha produción agroecolóxica xunto a un cambio de dieta, unha alimentación máis saudable e local, garantirían a soberanía alimentaria e enerxética do modelo agroalimentario.

Na actualidade, para alimentar á población española é necesaria unha superficie agraria en territorio estatal duns 25 millóns de hectáreas (Mha), á que se suma 9,2Mha do que se importa de terceiros países, o equivalente á extensión de Hungría.

O escenario agroecolóxico cun cambio de dieta implicaría manter a mesma superficie agraria que existe actualmente e permitiría que o 99% dos alimentos necesarios para a poboación se cultivasen en territorio español. O que se traduce en que deixarían de cultivarse 8,2Mha de países terceiros, un área igual á superficie de Austria.

Á súa vez, a enerxía non renovable converteuse nun elemento indispensable nos sistemas agrarios e alimentarios, cun total 118 millóns de barrís de petróleo equivalentes anuais. O modelo agroecolóxico con cambios na dieta permitiría reducir nun 84% o uso de combustibles fósiles, necesitando tan só 19 millóns de barrís de petróleo equivalentes anuais.

A pegada de carbono asociada a subministración de alimentos en España é de 100 MtCO2e, dos cales 34 MtCO2e corresponden a produtos estatais, mentres que a pegada dos alimentos ou materias primas importadas é de 66 MtCO2e. Doutra banda, a pegada dos alimentos de orixe animal ascende a 91 MtCO2e. O escenario agroecolóxico lograría unha redución de 124 Mt CO2e, o equivalente ao triplo do que emiten todos os coches en España nun ano.

Á súa vez, suscitar unha transición agroecolóxica con cambios na dieta permitiría unha redución do 100% no uso de pesticidas e fertilizantes sintéticos e a redución nun 87% da contaminación da auga por nitratos. Todo isto garantiría cumprir amplamente coa Directiva de Nitratos da Unión Europea, as Estratexia europeas da Granxa á Mesa e de Biodiversidade, así como cos próximos Regulamentos europeos de Deforestación importada e de uso sostible dos produtos fitosanitarios.

Os datos mostran que a produción local pode garantir un consumo proteico adecuado, reducindo a proteína animal procedente do exterior e aumentando a produción sostible no noso territorio. Ademais, as zonas de pastos poden pechar ciclos de nutrientes, mellorar a biodiversidade, absorber carbono ou reducir os riscos de incendio” afirma Marta G. Rivera, co-autora do Informe.

Segundo Andrés Muñoz Rico, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra, “esta investigación demostra que podemos alcanzar a soberanía alimentaria e a independencia enerxética no noso modelo alimentario. A transformación cara a sistemas máis resilientes, xustos e sostibles é de obrigado cumprimento para garantir o benestar da poboación e do medio ambiente aquí e nos países do Sur Global. A transición agroecolóxica en España é posible, necesaria e urxente”.

Notas:  

Resumen executivo «A urxencia dunha transición agroecolóxica en España»

Investigación completa «A urxencia dunha transición agroecolóxica en España»