328 deputadas e deputados votaron a favor de incluír o gas e a enerxía nuclear como investimentos sustentables na taxonomía.

Esta votación trátase dun lavado verde destas fontes de enerxía que antepón os beneficios económicos por enriba do benestar da sociedade.

A pesar das últimas noticias, nas que as comisións de Medio Ambiente e Asuntos Económicos rexeitaban a clasificación do gas fósil e a enerxía nuclear como ambientalmente sustentables na taxonomía da UE, no último momento a votación final no Parlamento deu un xiro de 180 graos.

As eurodeputadas aprobaron incluír estas fontes de enerxía como investimentos “verdes”, o que representa un atentado contra o medio ambiente e a poboación. Ademais, miles de millóns de euros destinaranse a estas enerxías no canto de dedicarse a impulsar unha transición enerxética baseada en renovables.

É unha gran irresponsabilidade que o Parlamento Europeo teña votado a favor das enerxías sucias. É imposible que o gas e a nuclear poidan ser consideradas como sustentables, trátase dun lavado verde que pon en risco a fraxilidade da vida na Terra. Ademais, estamos nun momento no que a soberanía enerxética é clave para protexer á poboación, en especial ás persoas máis vulnerables, e esta votación é contraria ás necesidades das nosas sociedades.

Desde a ciencia e a cidadanía temos claro que é necesario deixar de lado os combustibles fósiles e as enerxías perigosas si queremos evitar os peores impactos da crise climática e ecolóxica. As persoas que traballan en política son incapaces de tomar as decisións correctas. Xa é hora de comezar unha transición enerxética baseada en criterios de xustiza social onde a participación cidadá sexa a protagonista, e deixar de escoitar ás grandes empresas contaminantes que antepoñen os seus beneficios económicos por enriba do interese xeral.