Con mais de 30.000 hectáreas queimadas na vaga de incendios da ultima semana, que estragaron e estragan o corazón dos espazos naturais de máis valor coma O Courel, o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra, o Macizo Central, … Que podemos facer agora?

Dende Amigos da Terra elaboramos unha serie de recomendacións e difundimos un protocolo de actuación para a rexeneración dos solos queimados, para actuar despois dos lumes e botarlle unha man ao monte.

Como actuar despois dos Lumes

 

Cal será o protocolo de actuación: Novamente collerá por sorpresa á administración. Unha vez apagado o lume no monte empezará o segundo incendio nas declaracións políticas. O goberno terao claro. A culpa será dos incendiarios. A oposición terao claro: A culpa será das políticas da Xunta. O goberno explicará a abundancia de medios e a súa excelente coordinación e a oposición criticará a ausencia de medios e a súa descoordinación. Ambos terán razón. Seguiremos actuando sobre os efectos sen cambiar as causas. A política forestal seguirá sendo errática e guiada por criterios produtivistas desprezando a multifuncionalidade do monte. O abandono do rural seguirá avanzando cunha poboación galega maioritariamente urbana. As antigas terras de cultivo serán ocupadas por cultivos forestais pirófitos que meterán o incendio nas casas e a cultura do lume como ferramenta de xestión seguirá sendo amparada por unha tolerancia social que reaccionará cando o lume chame á porta da súa casa.

Amigos da Terra insistirá en que tras catro décadas aplicando as mesmas políticas fronte aos incendios non conseguiremos resultados diferentes. A organización ecoloxista exporá na seguinte onda de incendios que se o problema é fundamentalmente social só poderemos solucionalo usando instrumentos sociais. Educación ambiental para os actores e axentes sociais determinantes que agora teñen na súa man empezar ese cambio social. Amigos da Terra aposta por un mundo rural vivo, sustentable e armónicamente respectuoso coa natureza. Só iso terminará cos incendios.

 

Maís información de interese:

Manual de Rexeneración de Montes Incendiados

Manual do plantafragas

Que facer con animais afectados en incendios forestais