No último ano, Amigos da Terra está a traballar en Honduras, nun proxecto de mellora dos dereitos das mulleres nos municipios de El Corpus e Namasigüe. Este proxecto lévase a cabo coa ONG hondureña Asociación de Mulleres Defensoras de la Vida, coa que Amigos da Terra está a desenvolver varios proxectos no país.

Esta intervención, financiada pola Xunta de Galicia, ten como finalidade mellorar a participación social e política, o acceso á xustiza de xénero, a soberanía alimentaria, a nutrición saudable e o empoderamento económico das mulleres desta zona do sur do país.

  • Loita contra a violencia de xénero

Dunha banda, trabállase na mellora das capacidades e instrumentos locais para a defensa dos dereitos da muller e a prevención e atención da violencia de xénero, unha grave problemática desta rexión. Así, impartíronse talleres coas Redes Municipais de Mulleres e as Oficinas Municipais da Muller (OMM) do Corpus e Namasigüe para a actualización e seguimento da política municipal de xénero e os orzamentos específicos de xénero. Tamén se presentaron en Foros municipais o Plan Operativo Anual (POA) 2022 de cada OMM. Máis de 150 mulleres do municipio do Corpus e 100 mulleres do municipio de Namasigüe lograron avanzar no recoñecemento dos seus dereitos e coñecen as actividades municipais incluidas nestes plans, o que lles permitirá esixir á Corporación municipal os recursos comprometidos para cada unha das accións.

Ademais, elaborouse un documento que inclúe as demandas das mulleres, as posibles solucións e os aliados estratéxicos. Entre as problemáticas atopadas temos: 1. Vulnerabilidade económica das mulleres e mozas. 2. Saúde. 3. Violencia contra as mulleres. 4. Educación. 5. Participación social e política. 6. Inseguridade alimentaria. 7. Embarazos non desexados. 8. Narcomenudeo e delincuencia en mozas. 9. Falta de participación das persoas mozas no desenvolvemento comunitario. 10. Impactos ambientais. 11. Perda dos costumes comunitarios e familiares e 12. Vivenda. Estas demandas foron socializadas en foros en 2021 coas anteriores corporacións municipais e foron retomadas por unanimidade das novas corporacións municipais en cabidos abertos en 2022.

Unha das principais problemáticas en Honduras é a violencia contra as mulleres e as nenas. Por iso, no marco deste proxecto, organizáronse foros sobre o impacto da violencia de xénero e se desenvolveu unha escola de formación sobre prevención da violencia. O obxectivo é preparar promotoras e conselleiras legais para que sexan capaces de brindar asistencia a mulleres, mozas e nenas que sofren violencia. Impartíronse módulos de formación sobre dereitos humanos e dereitos da muller, delitos contra a vida das mulleres e femicidios, protocolos de seguridade, prevención de violencia e acceso á xustiza de xénero e acompañamento de vítimas de violencia de xénero. Máis de 60 mulleres integrantes das institucións municipais e as Redes Municipais de Mulleres do Corpus e Namasigüe están a exercer o seu papel como conselleiras e promotoras legais voluntarias, acompañando a outras mulleres que se atopan dentro dun ciclo de violencia.

Tamén se organizou un proceso sobre atención integral a vítimas de violencia en coordinación co Departamento de Atención y Protección de los Derechos de la Mujer de Ciudad Mujer en Choluteca. Entre os servizos que ofrece este departamento destacan a atención psicolóxica e social, apoio para a elaboración de plans de vida e seguridade, manexo de grupos de apoio, asesoría e representación legal, recepción de denuncias ou avaliación médica legal.

Paralelamente, leváronse a cabo accións para a sensibilización das institucións e da cidadanía, sobre igualdade, equidade e xustiza de xénero en datas emblemáticas como o Día da Muller Rural, o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Día dos Dereitos Humanos, o Día da Muller Hondureña e o Día Internacional da Muller. Contouse coa participación das autoridades rexionais e municipais, as cales adquiriron compromisos para asegurar o exercicio xusto e equitativo das súas funcións en relación aos dereitos das mulleres. Isto canalizouse a través da firma dun pacto político de mulleres en cargos políticos como o son a gobernadora, as vicealcaldesas e as rexedoras das corporacións municipais, segundo o cal se comprometen a velar pola correcta execución dos orzamentos municipais específicos de xénero.

Apostouse pola arte como unha das saídas de manexo das emocións na mocidade e, en especial, as mulleres oprimidas. Formouse a 25 mulleres novas do Movimiento Vanguardista de Santa Ana de Yusguare para a construción participativa de guións artísticos sobre prevención da violencia de xénero. Nas obras artísticas (poesía coral, performance, teatro…) expresaron a través das súas emocións mensaxes de denuncia e concienciación que impactaron nas persoas que viron as representacións, entre elas, políticas, operadores de xustiza, nais e pais de familia, persoas novas… Deste xeito, contribúese á deconstrución de imaxinarios patriarcais na mocidade, fortemente arraigados. Desenvolvéronse tamén talleres de pintura e foros xuvenís facilitados por mulleres novas con formación en dereitos humanos, feminismo e participación política.

  • Soberanía alimentaria

O proxecto traballa tamén na promoción do Dereito Humano a unha Alimentación e Nutrición Adecuada (DHANA) para reducir os índices de desnutrición e fortalecer o sistema inmunolóxico de grupos vulnerables en 15 comunidades rurais, con especial atención á poboación infantil e as mulleres. Entre outras accións realizouse un diagnóstico comunitario nutricional participativo de 171 fogares vulnerables na aldea do Despoblado en coordinación coa Dirección Municipal de Saúde do Corpus e o Centro de Saúde Rural das Playitas.

Desenvolvéronse procesos formativos e xiras de intercambio de experiencias con 5 Escolas de Campo Agroecolóxicas, utilizando principios do método de cultivo biointensivo para a formación de máis de 100 promotoras comunitarias. Establecéronse 145 hortos familiares biointensivos manexados por mulleres organizadas para a produción de alimentos nutritivos e plantas medicinais en 17 comunidades rurais. E promóvense hábitos de consumo saudables e a adopción de boas prácticas de saúde e hixiene en coordinación cos Centros de Saúde Rural do Corpus e Namasigüe.

  • Empoderamento económico das mulleres

De cara a facilitar a independencia económica e a autonomía das mulleres, facilitouse o emprendemento individual e de grupos de mulleres para a venta de alimentos producidos por elas mesmas. Así, desenvolvéronse xornadas para a identificación e priorización de necesidades e iniciativas económicas locais e elaboráronse os seus plans de negocios. Como resultado, apoiouse a dous grupos de mulleres rurais orientados á comercialización de grans básicos e sementes, e de alimentos tradicionais; así como a 5 mulleres emprendedoras con iniciativas económicas locais. Organizáronse tamén expoferias para a comercialización de produtos agroecolóxicos e outros produtos elaborados polas mulleres. Neste sentido, está a apoiarse o establecemento de mercados locais cun carácter periódico e a habilitación de mecanismos para a obtención de créditos máis xustos que permitan a estas mulleres consolidar os seus negocios.