Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e WWF advertimos que a minería submariña tería devastadoras consecuencias para os ecosistemas mariños e a capacidade de captura de carbono que teñen os océanos 

España únese a un número crecente de países que se mostran favorables a unha moratoria á minería submariña

Urxe que o Goberno e a UE apoien a moratoria no Tratado Global dos Océanos que comeza o 15 de agosto na ONU

A Asemblea de Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (coñecida por ISA nas súas siglas en inglés), celebrada en Kingston, Xamaica, deu un paso adiante na reivindicación dunha moratoria da minería submariña en augas internacionais, solicitando unha “pausa” que free o avance desta actividade. Esta demanda prodúcese nun momento crítico, no que varios Estados pretenden forzar que se autorice o inicio da explotación en 2023.

Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e WWF celebramos a posición española e instamos a que se promova dentro da ISA unha moratoria firme. Tamén reivindicamos que se predique co exemplo e se adopte unha prohibición da minería en augas baixo xurisdición nacional, excluíndo explicitamente a posibilidade de realizar esta actividade en Áreas Mariñas Protexidas e Áreas Mariñas de Importancia Ecolóxica ou Biolóxica.

O inicio da minería submariña tería consecuencias devastadoras para os ecosistemas mariños, a capacidade de captura de carbono dos océanos e a a biodiversidade de toda a columna de auga, incluídas as poboacións de peces que forman parte da alimentación humana. Por iso consideramos que esta celebración pode impedir o avance dunha explotación submariña que non tería en conta a magnitude dos impactos e as propias carencias da Autoridade Internacional como organismo responsable de regular esta actividade e, ao mesmo tempo,  protexer os fondos mariños.

España apoiou a proposta de Chile, secundada tamén por Costa Rica e Brasil, para reconsiderar a norma que forzaría o outorgamento dos primeiros permisos o próximo ano, mentres que os países da Alianza Global de Países por unha Moratoria da Minería submariña, da que xa forman parte Palao, Fixi e Samoa, defenden o establecemento dunha moratoria.

En setembro de 2021 España foi un dos gobernos que apoiou a resolución da Unión Internacional para a Conservación da Natureza por unha moratoria internacional, comprometéndose a avanzar cara ao seu establecemento. Isto é algo que veñen pedindo organizacións ecoloxistas, a comunidade científica, o sector pesqueiro e tamén os parlamentos de Galicia e Canarias mediante resolucións instando o Goberno a dar ese paso.

Ademais, a esta moratoria tamén se sumou a propia industria. Sectores da tecnoloxía e dos vehículos eléctricos, investidores identificados como un segmento importante do mercado dos minerais que se extraen, dubidan da viabilidade deste mercado para a minería submariña e subscribiron unha declaración en apoio dunha moratoria, sumándose ás da comunidade científica e parlamentarios de todo o mundo.

O 15 de agosto, dá comezo na sede central de Nacións Unidas  a reunión que finalizará o texto para a conservación da biodiversidade mariña en augas internacionais, o coñecido como Tratado Global dos Océanos. Este texto poderá blindar á minería submariña polo menos o 30 % das augas internacionais para 2030 e suporá que se teña unha visión integral da xestión mariña, e non sectorial, como ocorre coa explotación mineira, xa que a ISA enfocouse historicamente en promover o inicio desta destrutiva industria.

En 2023 España pasará a formar parte do Consello da Alta Autoridade dos Fondos Mariños, asumindo unha gran responsabilidade nun momento crucial no que se adoptarán decisións sen precedentes en termos de gravidade e potenciais impactos a escala planetaria. O Goberno de España xogará un papel importante na defensa dos nosos mares e océanos, por iso esperamos e desexamos que estea á altura das circunstancias e non se deixe influír polo afán extractivista.