A Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia continúa coa investigación sobre as causas da vaga de lumes que arrasou a Rede Natura en Ourense este verán. As delixencias, aínda que van na procura de responsabilidades administrativas da Xunta, non desbotan a vía penal.

Varios representantes das entidades que integran a plataforma «Por un Monte Galego con Futuro», mantiveron unha reunión en Ourense coa fiscala delegada de medio ambiente para coñecer a situación procesal da denuncia interposta por eles, na que se sinalaba a Xunta como responsábel por inacción do alcance do desastre ambiental causado pola vaga de lumes.

As entidades da plataforma «Por un Monte Galego con Futuro» denunciaron a finais do verán o desleixo do goberno da Xunta de Galiza ante a vaga de lumes que nos meses de xullo e agosto arrasaron os montes e ecosistemas de máis valor de Galiza.

Estes lumes incontrolados arrasaron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro, entre outros.

As organizacións sinalan expresamente á consellaría de Medio Rural pola súa inacción perante uns lumes como responsable do dano producido polos incendios forestais, coa calcinación de miles de hectáreas de montes e destrución de ecosistemas Subliñan que o efecto devastador dos lumes agravouse debido a que estaban sen executar a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos e que a pesar do altisimo risco de incendio non estaba desplegado todo o operativo de «Tempada de Máximo Risco de Incendios» tal e como establecía o PLADIGA 2022.

Ademais, desde a plataforma «Por un Monte galego con Futuro» denuncian que á Xunta continúa carecendo dun protocolo de actuación para minimizar os efectos dos incendios sobre a fauna ou para recoller os animais feridos e tratar de curalos nos centros de recuperación de fauna salvaxe xestionados pola Consellería de Medio Ambiente.

As miles de hectáreas calcinadas este verán significaron millóns de animais atrapados e mortos polo avance das lapas, sen que houbera un protocolo de actuación para minimizar os efectos dos incendios sobre a fauna ou para recoller os animais feridos e tratar de curalos nos centros de recuperación de fauna salvaxe xestionados pola Consellería de Medio Ambiente.

«Ademais, depois da extinción dos lumes non se tomou ningunha medida para reducir o dano causado como a retirada das cinzas para que non contaminen as augas ou a recuperación da avifauna. O desleixo da Xunta non pode ser maior.» indica Xosé Santos, voceiro da Plataforma Por un Monte Galego con Futuro