Durante o ano 2022 Amigos da Terra levou a cabo un proxecto de cooperación en Nicaragua financiado polo Concello de Vigo que rematará a finais de decembro.

En colaboración coa ONG local Fundación LIDER, estase a mellorar a calidade e produtividade de 3 cooperativas (plátano, millo e anacardo) do departamento de Chinandega.

Baixo un enfoque de economía circular, promóvese o aproveitamento de novos produtos e subprodutos e a súa comercialización a través dunha plataforma web local.

Ata o de agora realizáronse diversas actuacións.

En primeiro lugar, elaborouse un diagnóstico de economía circular en 2 plantas de procesamento (millo e anacardo). O obxectivo foi identificar novos produtos elaborados a partir de restos non aproveitados no procesamento dos alimentos. Por exemplo, no caso do anacardo, a froita fresca da árbore que ata de agora se deixaba no campo, se poderá empregar para elaboración de bebidas. A casca da semente do anacardo pode ser empregada para elaborar pellets e os anacos pequenos do froito seco se poden empregar para elaborar barras enerxéticas con mel.

Paralelamente, para poder rexistrar e vender estes novos produtos, estase traballando cos organizamos públicos encargados dos procesos de rexistro de marcas para poder chegar a comercializalos.

Tamén se levaron a cabo formacións coas cooperativas para a mellora da venta dos seus produtos. Dunha banda realizáronse talleres de comercialización dixital, onde se abordaron as vendas a través de redes sociais (facebook e instagram), así como o deseño e implementación de campañas publicitarias. Esta formación completouse con talleres de control de calidade, bioseguridade e atención ao cliente.

Cabe sinalar que dúas das tres cooperativas están integradas exclusivamente por mulleres, o que supón un fortalecemento do seu papel no sector produtivo, liderando ademais, procesos innovadores.