• A COP15 busca establecer un novo Marco Mundial da Diversidade Biolóxica para facer fronte á perda de biodiversidade
  • Amigos da Terra Internacional, presente nas negociacións, fai público un informe onde denuncia o conflito de interese que representa salvagardar a biodiversidade para as grandes empresas, principais responsables da destrución dos ecosistemas
  • As falsas solucións como os mercados de carbono, a compensación de emisións ou as solucións baseadas na natureza están a bloquear a acción real fronte á crise de biodiversidade, pero tamén fronte á crise climática
  • A organización ecoloxista avoga por poñer no centro os dereitos humanos, especialmente os das comunidades locais e indíxenas, e reclama unha transformación sistémica para facer fronte á situación de crises interconectadas

Do 7 ao 19 de decembro celebrarase en Montreal, Canadá, a COP15 do Convenio das Nacións Unidas sobre Diversidade Biolóxica. Con dous anos de atraso, e cun cambio de país anfitrión, todos os esforzos están postos en conseguir un novo Marco Mundial da Biodiversidade que substitúa ao actual (o coñecido popularmente como as metas de Aichi). Amigos da Terra, presente nas negociacións, centrará as súas propostas nos dereitos humanos e a necesidade de recoñecer o papel dos pobos indíxenas no coidado dos ecosistemas.

Nun cume clave, coa capacidade de definir as políticas internacionais en materia de biodiversidade para a próxima década, os grandes lobbies empresariais volven ocupar un lugar privilexiado e poñen en risco o resultado das negociacións. Por este motivo, Amigos da Terra estará presente na COP15 para reclamar un acordo que poña freo á crise global de biodiversidade coa xustiza social no centro. Con todo, a pesar da importancia deste cume, o borrador a negociar ten importantes carencias, tanto de enfoque como de ambición.

A perda de biodiversidade, que non é máis que unha das caras visibles da destrución que xera o modelo económico actual, non pode solucionarse con parches, senón con plans de acción que incidan directamente na orixe desta crise. Neste sentido, Amigos da Terra denuncia que non se están tratando de resolver as causas subxacentes da destrución da natureza. Así, consideran erróneo o enfoque de traballo en áreas protexidas, baseado unicamente no “número de hectáreas” a conservar, e denuncia a proliferación de falsas solucións como a “natureza positiva” ou os “esquemas de compensación de emisións”, que fan perigar a biodiversidade actual e a redución do quecemento global co único obxectivo de continuar co sistema económico responsable da crise ecosocial que se dá na actualidade.

“Non podemos obviar o forte conflito de intereses que representa unha COP destas características. As grandes empresas son as principais responsables da perda de biodiversidade e as violacións de dereitos humanos. Para afrontar as crises que vivimos é necesario protexer a biodiversidade e non inventar termos como “Natureza positiva” que permiten a destrución da mesma mentres se branquean as súas accións. Isto é o que denuncia o novo informe, “A natureza dos negocios”, publicado polas nosas compañeiras de Amigos da Terra Internacional”, sinalou Miguel Díaz Carro, responsable de Biodiversidade de Amigos da Terra.

O concepto de “natureza positiva” pode soar ben, pero o seu significado é confuso. As distintas definicións son ambiguas e pouco precisas, e fan referencia a “un futuro no que frear e reverter a perda da natureza”. É aquí onde está parte da trampa: aínda que o texto do CBD define “biodiversidade” e todos os seus compoñentes (ecosistemas, especies, entre outros) non o fai con “natureza”. Esta falta de claridade está a ser explotada polas grandes corporacións que seguen destruíndo a biodiversidade mentres plantan árbores como suposta compensación.

Doutra banda, a organización ecoloxista reivindica o papel dos pobos indíxenas e as comunidades locais, así como o papel das mulleres, na defensa e a protección dos ecosistemas, unha visión que debe incluírse no novo marco mundial de biodiversidade. Á súa vez, denuncia que as solucións baseadas na natureza atentan contra os dereitos humanos, en particular no referente ás áreas protexidas, xa que en moitos casos esta protección derivou na expulsión das comunidades das súas terras, coa consecuente privación dos seus medios de vida.

Ante os impactos crecentes causados pola destrución dos ecosistemas, e as escasas respostas adecuadas por parte dos líderes mundiais, Amigos da Terra esixe:

  • Regras vinculantes para as grandes empresas, que poñan coto ao poder das multinacionais, e ofrecer ás vítimas acceso á xustiza e a compensación por danos.
  • Un enfoque baseado nos dereitos humanos, que poña no centro ás comunidades locais e pobos orixinarios, a través da participación plena e informada e do suficiente financiamento. Do mesmo xeito, garantir a xustiza de xénero, xeracional e territorial.
  • Establecer medidas de conservación e restauración de hábitats, pero tamén transversalizar a biodiversidade. Necesitamos promover solucións aos motores de destrución de ecosistemas, e iso pasa pola agroecoloxía, a enerxía renovable comunitaria e a economía non extractivista.
  • Xerar un financiamento adecuado para o desenvolvemento das propostas expostas, desde as responsabilidades comúns pero diferenciadas.
  • Acabar con as falsas solucións, como as “solucións baseadas na natureza” ou a compensación de emisións.