Nos últimos meses deste ano iniciamos un proxecto de cooperación en Nicaragua para fortalecer 12 cooperativas do sector pesqueiro e acuícola localizadas en 2 municipios do departamento de Chinandega.

En colaboración coa Fundación LIDER, e con fondos da Cooperación Galega, estamos a traballar para fomentar a innovación e as alianzas entre actores do sector, como estratexia para mellorar a competitividade dos emprendementos locais.

Estableceranse alianzas entre as diferentes cooperativas para sistematizar experiencias de mulleres que lograron unha participación real e significativa no sector e que poidan ser referentes para outras mulleres. Tamén se traballará para avanzar na equidade de xénero nas cooperativas, con talleres mixtos sobre roles de xénero con integrantes destas estruturas produtivas.

Así mesmo, promoveranse campañas de protección ambiental do ecosistema de manglar onde as cooperativas desenvolven a súa actividade, de xeito que se convertan en axentes activos da protección da biodiversidade e os recursos naturais. De feito, a finais de novembro xa se celebrou un taller sobre recoñecemento e identificación de especies de aves migratorias e locais nos esteros de Chinandega, dirixido a integrantes das cooperativas. O obxectivo é que os propios pescadores e pescadoras poidan establecer un equipo de observadores locais de aves en Somotillo e contribuír ao rexistro de aves a nivel nacional.

Tamén se mellorará a produción nas granxas acuícolas, con diferentes procesos: posta en marcha de plans de xestión ambiental e inversións para a mellora da produtividade e promover boas prácticas. En concreto estableceranse e rehabilitaranse estanques para a cría artesanal de camarón e mellorarase a cría de pargo en gaiolas flotantes. Neste segundo caso avanzarase na mellora da alimentación dos peixes con pellets con alto contido proteico que permitirán aumentar o peso dos peixes e mellorar así a súa comercialización.

Neste sentido, está previsto tamén mellorar as alianzas entre compradores/as de produtos pesqueiros e cooperativas para aumentar as vendas e os seus ingresos. Afondar no establecemento de prezos conxuntos por parte das cooperativas, ou organizar reunións de negocios con actores vinculados á comercialización son algunhas das actividades previstas neste eido.