· A versión final do Real Decreto de Envases, aprobado no último Consello de Ministros do ano, preserva o espírito da Lei de Residuos e asegura que a industria do usar e tirar non poida autoavaliarse no cumprimento dos obxectivos de recollida separada de botellas de plástico, como pedían as entidades da Alianza Residuo Cero.

· En consecuencia, apóstase por unha folla de ruta sólida e transparente para a chegada do Sistema de Depósito de envases de bebidas, co que se pode poñer fin aos 35 millóns de envases de bebidas que cada día contaminan a contorna e danan a saúde das persoas.

· As entidades ecoloxistas tamén celebran que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico confirmase a prohibición do uso de substancias tóxicas en envases alimentarios como os Ftalatos e o Bisfenol A e piden ao Executivo que sexa escrupuloso no seu cumprimento, ao tratarse dun tema de saúde pública de primeiro orde.

Desde Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Retorna, Rezero e Surfrider España, organizacións que conformamos a Alianza Residuo Cero, valoramos positivamente que a versión final, aprobada en Consello de Ministros do Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, priorizase a saúde das persoas e a protección da contorna por enriba das presións do lobby do plástico, respectando así o acordado na Lei de Residuos que foi aprobada por unha ampla maioría no Congreso dos Deputados o pasado mes de abril.

Celebramos que tanto desde o Ministerio como desde os socios de Goberno desen este paso definitivo cara á transparencia e que ademais se fixo desde o articulado da lei e non desde un anexo. Con este Real Decreto, por primeira vez, os produtores de botellas de plástico están obrigados anualmente a dicir cantas botellas poñen no mercado.

En concreto, o Real Decreto de envases é o regulamento que deberá asegurar a medición dos obxectivos de recollida separada de botellas de plástico de menos de tres litros, establecidos para reducir a grave contaminación por plásticos na contorna terrestre e no mar. A Lei de Residuos determinou que, se para 2023 non se recuperaba a través do contedor amarelo o 70% das botellas de plástico de bebidas postas no mercado, poderemos volver devolver « o casco» a través dun Sistema de Depósito para latas, botellas e briks. Para cumprir con esta folla de ruta, era fundamental que o propio xestor da recollida separada de residuos de envases non se encargase de contabilizar as botellas recuperadas separadamente. E, finalmente, grazas á colaboración entre o Ministerio de Teresa Ribera e o de Dereitos Sociais e Axenda 2030 de Ione Belarra atendeuse a esta petición da sociedade civil.

Desde as organizacións enxalzamos tamén que se confirmou a prohibición de usar Ftalatos e Bisfenol A nos envases alimentarios. Esta prohibición estaba xa contemplada na Lei de Residuos e é básica para protexer a saúde das persoas, especialmente das embarazadas, ante substancias coñecidas por ser disruptores hormonais e ter gran impacto en determinados cancros. O Goberno debe extremar a súa vixilancia para asegurar o cumprimento desta prohibición e respectar o acordado na Lei de Residuos e desde a sociedade civil estaremos vixiantes para que así sexa.

Os regulamentos fanse para poder cumprir a lei, non ao contrario. Recoñecemos o esforzo de Teresa Ribera, do Ministerio e dos socios do Goberno en respectar esta orde natural a pesar das fortes presións da industria do usar e tirar, e reiteramos a nosa colaboración para, a partir de agora, construír unha metodoloxía que permita medir a recollida separada de botellas de plástico de maneira correcta.