Amigos da Terra Cooperación ao desenvolvemento

Pobreza Cero

A importancia dos Obxectivos
de Desenvolvemento do Milenio

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), aprobados na Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 2000, teñen promovido sen dúbida un novo pulo á cuestión do desenvolvemento que, durante décadas, foi tan debatida en numerosos foros como obviada na execución das grandes políticas internacionais. A presentación o pasado 17 de xaneiro dunha folla de ruta de Nacións Unidas para acabar coa pobreza puxo en evidencia unha vez máis a necesidade urxente de que os países ricos adopten novas políticas de débeda externa, comercio internacional e Axuda Oficial ó Desenvolvemento (AOD).

Campaña de Pobreza Cero

Efectivamente, a Declaración do Milenio e a sinatura da mesma por parte de 189 Xefes de Estado e de Goberno supón xa un logro que non podemos desprezar, e sobre o que poden fundarse esperanzas reais e concretas de transformación da actualmente insostible e inxusta situación mundial.

En primeiro lugar, os ODM supoñen na súa formulación, que as metas propostas (reducir a proporción de persoas pobres ou con fame, reducir taxas de mortalidade infantil e materna, lograr o ensino primario universal para nenos e nenas, aumentar o número de persoas con acceso á auga potable e o saneamento…) convértense por primeira vez en obxectivos específicos de todo o conxunto de políticas internacionais. Os ODM poden darnos a oportunidade de situar a cuestión do desenvolvemento no centro das políticas estruturais.

Non hai tanto tempo, que a cuestión do desenvolvemento se consideraba como unha consecuencia lóxica que chegaría si se garantía o crecemento económico, pero o “derramamento” tan esperado no chegou nunca. Máis ben, aínda que o crecemento foi abraiante durante décadas, e as condicións de vida melloraron notablemente, a desigualdade aumentou de xeito dramático até producir unha “fenda” insoslaiable incluso para os máis optimistas. O final da guerra fría e a caída do bloque económico do Este, fixo posible que durante os noventa se avanzara na construción de espazos multilaterais de entendemento.

Campaña de Pobreza Cero

O pulo, asumido fundamentalmente por Nacións Unidas, permitiu a celebración de varias cumes temáticas, que abordaron a situación mundial dende unha perspectiva global. As propostas que saíron das cumes sobre desenvolvemento sostible, desenvolvemento social, muller, poboación, infancia, dereitos humanos e alimentación, esixían medidas multilaterais e globais de actuación.

A sinatura e ratificación das conclusións ou declaracións de cada cume por parte dos diferentes Estados foi insuficiente se observamos o grao de cumprimento dos compromisos. A formulación dos ODM aporta unha visión estruturada da maioría das cuestións tratadas, outorgando ó desenvolvemento o carácter multidisciplinar e contemplando as numerosas “caras” que presenta o fenómeno da pobreza e a desigualdade.

Por outra banda, os ODM incorporan a definición de metas concretas referidas a un espazo de tempo establecido, na maioría dos casos para o ano 2015. Establécense unha serie de indicadores para cada unha das metas, que permitirán medir os avances ou retrocesos en cada unha das propostas. Así, o compromiso asinado polos 189 estados supera o carácter de compromiso cun discurso ou unha resolución, e adquire un grao maior de concreción ó asumir como propios resultados concretos que poderán ser medidos en función dos indicadores e do tempo transcorrido.

Campaña de Pobreza Cero

En setembro de 2005, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas ten previsto presentar un informe sobre o grao de cumprimento ou incumprimento respecto ós ODM. Igualmente esperase que a nova declaración incorpore un chamamento máis específico para reunir máis vontades políticas. Estamos pois ante un ano especialmente importante para lograr cambios que nos aseguren resultados máis satisfactorios.

Actualmente, as tendencias non son demasiado esperanzadoras. Téñense observado algúns resultados pero moi circunscritos a países como China e India, que pola súa grande cantidade de poboación inflúen de xeito decisivo nas proporcións. Porén, é igualmente certo que a maior parte de África se está quedando estancada, e partes de América Latina e Asia Central están experimentando un aumento dos niveis de pobreza en lugar dun descenso. Ademais, os avances rexistrados na China e India refírense case exclusivamente ás áreas mellor comunicadas e cercanas ós portos de mar, mentres que as zonas máis illadas e rurais presentan datos moito menos alentadores.

Hoxe por hoxe os expertos coinciden en que os problemas do desenvolvemento teñen solución, e que os ODM son obxectivos viables dende o punto de vista técnico e económico. Tan só esixe vontade política por parte dos Estados. Ós gobernos dos países en desenvolvemento pídeselles que tomen medidas serias para fortalecer a gobernabilidade, a defensa dos dereitos humanos e especialmente políticas de loita contra a corrupción.

Por sorte, e grazas á insistencia destes países, a declaración do milenio finalmente incluíu o obxectivo oitavo como un máis. É o que dita cales son as responsabilidades dos países ricos, o que dalgún xeito, ofrece garantías de posibilidade de cumprimento ós demáis países.

Aínda que lamentablemente a formulación do oitavo ODM no inclúe compromisos cuantificados como os demáis obxectivos, tres cuestións aparecen como relevantes: propón o aumento da Axuda Oficial ó Desenvolvemento, a redución da Débeda Externa para os países máis pobres, e a mellora das normas internacionais que regulan o comercio para asegurar un trato non discriminatorio ós países pobres.

A ONU indica que os países ricos deberían investir a lo menos 195.000 millóns de dólares, o que supón practicamente duplicar a axuda mundial que actualmente se está outorgando: pasar do 0,25% do PIB, ó 0,44% en 2006, o que representa a quinta parte do presuposto militar anual (900.000 millóns de dólares).

A Débeda Externa sigue asfixiando a numerosos países de entre os máis empobrecidos. Iniciativas encamiñadas á cancelación da débeda externa, especialmente para estes países deben ser tidas moi en conta.
Pero, probablemente a “chave do tesouro” pode atoparse nos avances que se logren nos aspectos relativos ó sistema normativo para o comercio internacional. É indubidable que abrir oportunidades ás economías do sur para que teñan menos dificultades en exportar os seus produtos pode permitir maiores cotas de crecemento máis sostibles no tempo. O acceso para os países en desenvolvemento ós espazos de toma de decisión na Organización Mundial do Comercio, en condicións de non discriminación, é unha tarefa por cumprir que non pode pospoñerse por máis tempo.
A carón do avance da globalización económica neoliberal, tense producido un interesante fenómeno de fortalecemento do carácter global dos movementos sociais. A axenda da sociedade civil coordinouse e atopou elementos de consenso que están vehiculando numerosas reivindicacións e cambios importantes en cuestións de carácter político. A presenza cada vez maior deste movemento plural e diverso nos estados de opinión das sociedades supón unha presión moi significativa na vontade dos políticos.

A Alianza polo Desenvolvemento que reclama o oitavo ODM non é só unha alianza intergubernamental, que poucas garantías ofrecería. Neste senso é fundamental o papel das organizacións sociais en tanto en canto poidan asumir os ODM como un reto desexable. É certo, que para as organizacións sociais os ODM son limitados e tan só representan algúns avances respecto ás súas reivindicacións históricas, pero é igualmente certo que se no ano 2015 se logran cumprir os ODM tal e como están formulados, será o mellor indicador de que se producen transformacións profundas na estrutura mundial que logran reverter o agravamento da situación.