Amigos da Terra Cooperación ao desenvolvemento

Agareso visita os proxectos de pesca sostible de Amigos da Terra

Amigos da Terra e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) a través dun convenio de colaboración comezan un proxecto de sensibilización que permitirá dar a coñecer o traballo que se leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible. O primeiro paso dará hoxe mércores ca viaxe de cinco reporteiros rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que Amigos da Terra está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten o Golfo de Fonseca, un ecosistema moi importante e moi rico en diversidade biolóxica mariña – costeira.

O obxectivo desta colaboración é sensibilizar á poboación galega e difundir o traballo que Amigos da Terra está a realizar en cooperación ao desenvolvemento con enfoque ambiental no Golfo de Fonseca, sempre coa premisa de que a xestión integrada do medio ambiente é a clave para poder erradicar a pobreza no mundo.

Para levar a cabo este cometido, os reporteiros de Agareso entrevistaranse cas cooperativas de pescadores artesanais, institucións locais, cooperativas de mulleres e as nosas contrapartes, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.

Os resultados presentarase posteriormente a diferentes sectores sociais, entre eles o sector pesqueiro galego co obxectivo de sensibilizalo sobre a necesidade de garantir o futuro deste sector en Galicia con actitudes responsables.

A colaboración cunha asociación de reporteiros marca un precedente, xa que a partires de agora poderemos garantir que os temas relacionados coa cooperación ao desenvolvemento e a solidariedade teñan o espazo que se merecen nos medios de comunicación de xeito que a poboación galega coñeza en que estanse investindo o diñeiro e que logros estanse acadando.

Se queredes estar informados sobre este proxecto podedes facelo a través do enlace que teremos na nosa páxina web ou no blogue que Agareso terá na súa.

E para que coñezades un pouco máis sobre o nacemento desta colaboración, aquí tedes a entrevista que lle fixemos a unha das reporteiras solidarias que viaxan ao Golfo.

Estrella López ( coordinadora do proxecto)

P- Como xorde a colaboración entre Amigos da Terra e Agareso?

R- Agareso nace en 2008 como unha organización solidaria para visibilizar e dar a coñecer a labor que están a desenrolar diversas ONGs galegas tanto na comunidade autonóma como fora, así como para denunciar as situacións de problemática social que se están a producir en Galicia e nos países do Terceiro Mundo onde traballa a cooperación galega. Neste sentido, a organización de xornalistas contactou con Amigos da Terra para coñecer as súas actividades no exterior o que permitiu que xurdira unha colaboración que frutificou a través do viaxe que se está a realizar nestes intres ó Golfo de Fonseca.

P- Cal é o principal obxectivo desta viaxe?

R- O noso obxectivo principal é dar a coñecer a labor que Amigos da Terra está a realizar, con axuda da Xunta de Galicia, no Golfo de Fonseca (é dicir, no Salvador, en Honduras e Nicaragua) onde se está a traballar para que os pescadores, as comunidades sociais e os grupos de mulleres poidan mellorala súa calidade de vida a través da formación profesional e da educación medioambiental.

P- Que pretendedes mostrar á sociedade con este tipo de colaboracións?

R- Que outra forma de vida é posible. Que a colaboración entre sociedades permite que o desenrolo de ambas e, sobre todo, que con cooperación, formación e solidariedade se pode conseguir que un grupo humano mellore su situación, coide o medio ambiente e protexa a súas costumes e formas de vida.

P- En que vai consistir o voso traballo no Golfo de Fonseca?

R- A verdade é que vai ser un traballo moi completo, ou polo menos iso agardamos, xa que imos a desenrolar un documental sobre as comunidades de pescadores, sobre cómo se está a aproveitalo traballo no mar e sobre cómo conseguiron coordinarse para poder por en marcha cooperativas. Ademais, faremos entrevistas radiofónicas e reportaxes que colgaremos na páxina web de Agareso e tamén na propia de Amigos da Terra. A maiores, completarase o proxecto coa toma de imaxes fotográficas coas que poder montar posteriormente unha exposición.

P- Cantos profesionais conforman o equipo que viaxará ao Golfo?

R- O grupo está conformado por un fotógrafo, duas redactoras, un operador de cámara e unha xornalista audiovisual.

P- Supoño que a motivación persoal é moi importante para embarcarse en proxectos deste tipo, no teu caso particular, que te move a facer xornalismo social?

R- A motivación persoal nesta profesión sempre é importante aínda que polas necesidades de empresa en moitas ocasións a rutina convértese no pan noso de cada día. Traballar no eido do xornalismo social permítenos a todos os que compartimos este proxecto dar un paso máis cara a unha profundización nos valores da nosa profesión. Moitos dos que estudamos xornalismo temos a idea, nun principio, de traballar para contar a verdade, para axudar a sociedade, pero logo, a realidade ábrete os ollos. As necesidades de empresa, os contratos publicitarios e a precariedade laboral acaba por impedir que os teus soños se convertan en realidade. Deste xeito, poder contactar con persoas que traballan polos demais, que están a cambiar a sociedade na que se atopan e contárllelo logo os galegos fai que a palabra xornalismo gañe en sentido e recupere tódolo seu valor.

P- Consideras que a cooperación ao desenvolvemento conseguirá algún día o espazo que merece nos medios de comunicación, deixando de lado a imaxe tremendista que se mostra para chamar a atención?

R- A verdade é que é difícil crer que as coidas poidan cambiar nunha sociedade onde a noticia de maior calado social ten a Belén Esteban como protagonista. Pero o certo é que se ninguén traballa para que as cousas cambien no cambiarán nunca. A visión sensacionalista das novas ten un único obxectivo: vender máis ou atraer ao maior número de telespectadores posibles. Os cartos moven a roda dos medios de comunicación e é unha situación complexa que tardará moito en cambiar. Pero hai que intentalo.