Amigos da Terra Cooperación ao desenvolvemento

A expedición dos reporteiros de AGARESO efectada pola situación de Honduras

Os cinco xornalistas de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) que iniciaron a pasada semana unha expedición para visitar os proxectos que Amigos da Terra está a realizar no Golfo de Fonseca, atópanse nestes momentos na localidade de Tonalá, en Nicaragua, á espera de acontecementos sobre a situación en Honduras, xa que as fronteiras con este país están pechadas.

A noticia da chegada do anterior presidente de Honduras, Manuel Zelaya a Tegucigalpa o pasado luns, caía como unha lousa para os reporteiros, xa que o martes deberían ter viaxado ata Honduras para continuar realizando o seu labor con novas comunidades que reciben axudas dos fondos galegos.

De feito, o xoves e venres estaba prevista unha gran reunión de todas as ONGs que traballan nos tres países do Golfo de Fonseca en Honduras. Reunión que tivo que suspenderse. As cooperativas de O Salvador e de Nicaragua non queren arriscarse a entrar e logo non poder saír ou a que os disturbios poidan xerar problemas aos seus membros.

Nunhas horas terán que dar resposta sobre a situación que espera á expedición, xa que se non poden cruzar a Honduras terán que variar todo o seu plánning de traballo, un traballo organizado dende hai meses para informar a Galicia sobre o labor desenvolvido por Amigos da Terra nestas terras.

Desde Amigos da Terra, esperamos que a situación en Honduras se solucione canto antes, polo ben do país e para que os cinco reporteiros poidan continuar co seu traballo no Golfo sen máis incidentes.

Lembra que podes seguir os acontecementos desta expedición na páxina de Amigos da Terra ou na páxina de Agareso