Amigos da Terra Cooperación ao desenvolvemento

Amigos da Terra é convidada especial no Foro de Educación Ambiental de Nicaragua

Con máis de 25 anos de militancia en distintos movementos ecoloxistas, Fernando Ramos, experto en comunicación ambiental e membro desta asociación, participa en calidade de experto de Amigos da Terra no “Foro Nacional de Educación Ambiental de Nicaragua”, que se celebra hoxe e mañá na cidade de Granada. Un foro, onde compartirá palestra na conferencia inaugural coa Ministra de Medio Ambiente e Recursos Naturales de Nicaragua (MARENA), Juanita Argueñal.

O Foro Nacional de Educación Ambiental de Nicaragua é unha iniciativa de diversas institucións estatais e organizacións no gobernamentais, que ten como obxectivo promover un intercambio de experiencias sobre a educación ambiental formal e non formal, así como xuntar esforzos na implementación de estratexias que favorezan a educación ambiental no país. Por outra banda, co mesmo, preténdese incluír a educación ambiental no sistema educativo nacional e contribuír á difusión da Estratexia Nacional de Educación Ambiental.

Ademais de participar no foro cun Taller de Interpretación Ambiental o día 26, participará nun Curso de Educación Ambiental na Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua os vindeiros 27 e o 28 deste mes e nun Curso de Interpretación Ambiental dende o 30 de novembro ao 4 de decembro.

Así mesmo, visitará os distintos proxectos que Amigos da Terra está a desenvolver no país centroamericano, un dos países que comparten o Golfo de Fonseca, en temas de pesca artesanal sostible e co obxectivo de asesorarlles na optimización dos aspectos relativos a comunicación e educación ambiental.

Para Amigos da Terra, a educación ambiental é unha ferramenta fundamental para conseguir cambios reais cara unha cultura máis sustentable e coherente co medio, atopando no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas o seu máximo reflexo.