Amigos da Terra Cooperación ao desenvolvemento

A Xunta aproba o Plan Anual de Cooperación para o Desenvolvemento 2007

O Consello da Xunta do pasado xoves día 15, deu o visto e prace á proposta do Plan anual de cooperación para o desenvolvemento 2007, elaborado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior. O programa, que forma parte do I Plan director 2006-2009, inclúe un incremento orzamentario do 40% respecto ao exercicio anterior, o que supón que practicamente o 0,1 do orzamento do Goberno galego se dedicará á cooperación internacional.

Do orzamento total, que é de 9,3 millóns de euros, un 67,7% destinarase a convocatorias públicas de axudas dirixidas a proxectos de cooperación no exterior; un 21,8% achegarase ao cofinanciamento de proxectos de cooperación, formación e sensibilización; un 7,5% irá dirixido ao financiamento de proxectos conxuntos coa AECI a través do Plan Operativo Xunta-AECI 2007-2008 e un 3,3% será para actividades de difusión da cooperación galega: páxina web, campaña de comunicación e publicacións, entre outras accións.

O documento aprobado foi consensuado e aprobado polos tres órganos galegos establecidos na Lei galega de cooperación: a Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (Cincode), a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (Cintercode) e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).

O plan recolle para o presente ano o mantemento das iniciativas postas en marcha o pasado ano, xa que se trata de obxectivos para lograr a longo prazo. Entre estas metas, é preciso subliñar a sensibilización e educación para o desenvolvemento, o fortalecemento do sistema de cooperación galega e tamén o apoio ao comercio xusto, todos eles considerados eidos de especial atención.

No 2007 priorizaranse catro dos sete obxectivos do I Plan director:

· a mellora da calidade técnica e operativa do sector

· a ampliación e ordenación dos instrumentos da cooperación galega

· a implicación e procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación

· a elaboración de estratexias para as prioridades da cooperación galega.

Entre os sectores galegos que poden achegar máis valor na transferencia de coñecementos destacan a xestión da saúde, da educación e a xestión integral dos recursos naturais e o ambiente.

Por último, establécese tamén como prioritario destinar un máximo do 70% dos recursos da cooperación aos 17 países considerados prioritarios e a elaboración para cada un deles dun documento de estratexia de intervención. Tal e como quedou recollido no Plan director estes estados son: Perú, Bolivia, Ecuador, en América do Sur; Guatemala, Nicaragua, Honduras e El Salvador, en Centroamérica; Cuba, República Dominicana e Haití, no Caribe e Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal, en África.

O Consello da Xunta tamén ven de aprobar un total de 3.720.000 euros que se van destinar a subvencionar proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos por ONGD durante os dous próximos anos.

Da cantidade total, 2.232.000 euros corresponderán ao ano 2007 e para 2008 está previsto destinar o 1.448.000 restante.

O obxectivo deste paquete de subvencións é regular a concesión de subvencións a través dun procedemento de concorrencia competitiva ás ONGD para axudar á execución dos seus proxectos no exterior.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, sen superar en ningún caso os 160.000 euros. Nos proxectos de varias entidades, a subvención poderá chegar ata os 350.000 euros.

Terán prioridades os proxectos que fagan referencia á cobertura de necesidades sociais básicas; infraestrutura e promoción do tecido económico, en especial o de comercio xusto; participación social; investimento no ser humano e protección e mellora do ambiente. Tamén terán prioridade aqueles con maior número de beneficiarios e os que atendan a infancia e a muller.

Ademais, durante os próximos dous anos, tamén se destinarán 300.000 euros a financiar subvencións para consolidación e fortalecemento das ONGD. Esta convocatoria prevé contribuír á formación técnica do persoal, socios e voluntarios das ONGDs, mediante o financiamento de seminarios, obradoiros e cursos. Primarase a formación arredor da mellora da xestión das ONGD, sobre os diferentes aspectos técnicos das fases dun proxecto de desenvolvemento e verbo de técnicas de comunicación externa ou de relación con medios de comunicación.

Así mesmo, terase especialmente en conta o deseño e a realización de campañas e actividades de sensibilización, educación para o desenvolvemento, comercio xusto, consumo responsable e incidencia social, e valoraranse especialmente as estratexias que recollan a realización de actuacións no medio rural.

O Diario Oficial de Galicia publicará estas convocatorias nos próximos días.

Fuente: Xunta de Galicia